28 abril 2009

VOGUE ITALIA feb2009

UGIA PEDREIRA


Ugia Pedreira
Ugia Pedreira é directora do Conservatorio de Música Tradicional e folque de Lalín e colaboradora musical do programa “Un dia por diante” da Radio Galega. Ela é unha das voces mais transgresoras e eclécticas do panorama musical galego. Comezou sendo coñecida na música galega polos tres discos editados co seu anterior grupo de folque Chouteira e polas súas constantes colaboracións e heteroxéneas creacións: o Musical Dillei co actor Carlos Blanco, o espectáculo de Antón Reixa “Galicia Babie”, a sua versión de “Gracias a la vida” de Violeta Parra para o grupo de ska italiano Banda Basotti, o espectáculo femenino galego “Son delas” con Mercedes Peón, Uxía, Rosa Cedrón… Desde os 90 ten presencia na música rock galega da man de tres grandes bandas: Xenreira, Nen@s da Revolta, a Matraca Perversa e actualmente voltámola encontrar nun novo proxecto de rock: Galhegoz.


A sua voz soa tamén no segundo disco de Susana Seivane ou no de Cempés…

Ademais ten realizado a música para a exposición Narracións do escultor galego Caxigueiro, a música para a primeira obra de danza contemporánea galega “Laradas” da Compañía Doble Xiro, o espazo sonoro das obras teatrais o “Canto do Dime-dime” ou “O Tío Vania” da Compañía Factoría Teatro, a música para exposición “Xógaras” do xoieiro Miguel Caamaño e xunto a P. Pascual a música para a obra “Os homes só contan até tres” de Antón Lopo, premio Alvaro Cunqueiro de Teatro.

En abril de 2005 estrea a música do trío Nordestin@s, sobre cancións mariñeiras do Norte da Galiza con Guadi Galego (Berrogueto) e o famoso pianista de jazz Abe Rábade. Ugia Pedreira coordinou nese mesmo ano o espectáculo colectivo “Ao pé da letra”, composto por sete grupos da vangarda musical galega (entre eles Marful) que teñen como eixo central a palabra chea de contidos, un escaparate dos artistas actuais que abandeiran a canción galega de máxima actualidade apoiado en escena por Jorge Drexler.

Con Marful abriu a caixa de Pandora e o revival da música popular de autor e compartilla espazo musical e entendemento artístico con Guadi Galego (Berrogueto) e Xavier Diaz.