05 dezembro 2007

PREMIO EXTRAORDINARIO FIN DE CARREIRA



Sarai Fernández gañou o premio extraordinario de fin de carreira en Debut ‘07 cunha colección baseada na película ‘Belle de Jour’ de Buñuel
“Ata que empezou Esdemga, había en Galicia unha falta de deseño creativo”

--------------------------------------------------------------------------------


Violeta Costa (Pontevedra).
A pasada semana gañou o premio extraodinario de fin de carreira en Debut ‘07 e agora comenza a súa andaina profesional. A xoven deseñadora Sarai Fernández fala do esforzo para crear unha colección da que está plenamente orgullosa e que posiblemente presentará no certame ‘Ego’ de Cibeles.
O pasado xoves gañou o premio extraordinario de fin de carreira pola súa colección na pasarela Debut ‘07. Que supón este galardón?
–É moi importante e tamén é unha grande satisfacción que o xurado, que son xente externa á escola de moda de Pontevedra, valore o teu traballo. Ademais, non é a primeira vez, posto que o ano pasado quedei segunda no certame galego ‘Tesoira’. A verdade é que é un premio non esperado, foi toda unha sorpresa e supón a fin da etapa educativa e o principio dun novo período cheo de incertidume, pero no que o premio me anima.
Os estilismos que presentou están baseados na película Belle de Jour, de Buñuel. Como foi todo o proceso de elaboración?
–O proxecto partiu dunha das liñas que nos propuxeron os profesores. O filme pareceume moi significativo para poder sacar dela unha colección. Nun primeiro momento vin a película moitísimas veces e estaba moi confusa porque non sabía que podería sacar para os estilismos, ata que recordei o principio e o final da obra, cando soan unhas campaniñas e cencerros que non se ven. Niso foi no que me centrei, chamoume moito a atención o son, decidín que quería incluir campaíñas, obxectos que produciran algún tipo de son.
Por que os fixo en porcelana?
–Pola personalidade da actriz do filme, Catherine Deneuve, que é moi delicada por unha banda e moi forte por outra. Pensando en algo delicado lembrei a Sargadelos e quixen facer algo diferente, algo que non se puidera estar facendo en Nova York ou en París, que fora algo típico de aquí. Imaxiñei un mundo de fantasía e falei cos meus titores, que me animaron a porme en contacto con Sargadelos. Enviéilles o proxecto e pareceulles moi interesante, así que alá fun para coñecer como funciona a fábrica e involucreime no proceso, deseñei as pezas e fíxenas, tanto as bolboretas, como as rosas ou as follas; e tamén me deixaron uns moldes duns paxaros que xa non producen.

Sem comentários: