28 novembro 2008

DEBUT08





Marta Montoto gaña o premio do xurado de Debut 08


A concelleira de Cultura e directora da ESDEMGA, Lola Dopico, foi a encargada de dar a coñecer o nome dos gañadores. Hoxe ponse fin á semana de Debut 08 coa celebración dos encontros profesionais de moda, pero continúan abertas as exposicións do Pazo da Cultura.



A pasarela Debut 08 celebrouse na tarde de onte no novo edificio do Museo de Pontevedra. Foron 18 os estudantes que presentaron as súas coleccións de fin de estudos, de grande calidade e vangarda todos eles, ainda que as temáticas e os tecidos variaron en cada colección.


A gañadora do premio do xurado, Marta Montoto, presentou unha colección para home baseada no mundo dos soños de Jean Cocteau en ‘Les enfants terribles’. Os deseños propostos, confeccionados todos eles en punto, mesturaron elementos urban con reminiscencias ochenteras, con formas naïf , en ocasións con claras referencias aos bonecos de trapo.




Dous premios máis
Agar Fernández foi distinguida coa mención especial do xurado grazas a unha espectacular e elaborada colección con aires marcadamente orientais, na que mesturou o téxtil coa madeira. Jandro González, pola súa banda, acadou un accésit coa súa proposta baseada no American Way of Life. Unha colección realizada dende o humor satírico e crítico, na que elementos da cultura popular de masas, como o bote de palomitas ou a camiseta dos Lakers se mesturan con bandeiras americanas e con estilismos que recordan aos Kennedy.



O xurado de Debut estivo composto por
profesionais da prensa, a empresa, e o ámbito comercial da moda: Andrés Aberasturi, comisario do Ego de Pasarela Cibeles e Director de Pelonio; Xavier Bombardó, deseñador de Supralan; Diego Íñiguez, director de Imaxe de El Caballo; Silvia Salvador e Fernando Cornejo; deseñadores de Potipoti; Daniel Cantou, redactor xefe de Neo Moda Barcelona; Carlos López Loureiro, presidente de AIPCLOP; e Manuel José Montoto Rodríguez, presidente de ATEXGA.



Personaxes e a II Guerra Mundial como temas
Houbo 2 pases máis antes de que os 18 estudantes de fin de carreira presentasen as súas coleccións. Tratábase de proxectos de segundo curso que partiron de dúas temáticas: a II Guerra Mundial e personaxes. Nadia Comaneci
e Virginia Woolf foron dous dos personaxes que os estudantes escolleron de maneira libre para estas pezas que, como salientou Lola Dopico , forman parte dun contexto académico non profesional, onde se parte de propostas determinadas.


A directora da ESDEMGA
quixo agradecer tamén a todas as institucións e empresas involucradas no desfile e, en xeral, nesta semana adicada á cultura da moda e o deseño, entre elas o Concello de Pontevedra, Caixanova, a Dirección Xeral de I+D+I e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria.



Fin a unha semana de ‘Debut’
‘Debut 08’ bota hoxe o peche ao seu extenso programa cos encontros que terán lugar esta tarde entre os estudantes da ESDEMGA e RRHH de diferentes empresas do sector da moda. Durante a mañá celebráronse na Casa das Campás dúas mesas redondas, na que expertos do medio analizaron o papel da comunicación na moda, por unha banda, e onde responsables dos recursos humanos de diversas compañías charlaron sobre as necesidades do sector empresarial, que pasa pola formación de profesionais para remontar a crise.



Despois dunha semana chea de actividades, as exposicións ‘François Kollar e a moda’ e ‘Mulleres de branco’, abertas no Pazo da Cultura ata o vindeiro 11 de xaneiro, darán continuidade no tempo a este ‘Debut 08’.

Sem comentários: